Tag Archives: USC

A Función-Autor-Propietario nun paradigma en descomposición

Cando: 19 de Abril do 2013

O autor non cae do ceo. En tanto que “función”, vai ligado ós fluxos de territorialización que atravesan a cultura -como forma consolidada dunha determinada ordeación do saber-, e como significante, suxeito a múltiples intentos de artellamento semántico que se poden descubrir nunha análise das súas formas de aparición. Imos sinalar aquí algúns momentos nos que se ten manifestado un certo tipo de autoría na historia da cultura recente, coa idea motriz de que o Autor-Propietario se constitúe na intersección dos fluxos que delinean a narración cultural occidental. Trataremos de analizar algúns acontecementos clave na súa construción conceptual rastrexados a través das formas xurídicas, sociolóxicas e políticas adoptadas para comprende-lo papel que desempeña nesa operación de transformación da “orde do saber” que ten lugar a partires do século XVII, co xiro epistémico que centraliza o control da enunciación ante a proliferación textual, e a incorporación da propiedade do sentido para conxura-la ficción e lexitimar certos discursos sobre o real.

Imparten: Óscar R. de Dios (Dazibao), Álvaro Otero e Daniel Fernández (Proxecto Derriba)

Descarga VBR Zip

Eco-políticas para monstros e a defensa do común

Cando: 24 de Abril de 2013

O movemento ecoloxista e o xurdimento da natureza como cuestión política imprimiron un desprazamento, mesmo unha distopía, do campo das políticas contemporáneas. A irrupción da natureza (o excluído e sen voz) como suxeito da política debe ser posto en correlación co feminismo e a incidencia no corpo e a reprodución como cuestións igualmente políticas. Porén, ao igual que nos sucede co feminismo, debemos pensar a natureza dende a noción de suxeito? Cabería outro xeito de pensar a natureza e de pensarnos nela, non dende os suxeitos, senón dende os arranxos e as coalicións? Como pensar a natureza fóra do binomio natureza/cultura ou natureza/historia? A partir da noción de natureza social, do cyborg e do monstro tal e como as desenvolve Donna Haraway tentaremos pensar coalicións insospeitadas para unha política ecolóxica (im)posíbel, que pasa pola defensa dos bens comúns e a resistencia á conversión da natureza en recurso ou valor nos movementos de desterritorialización/reterritorialización do capital global.

Imparten: Beatriz Blanco (Proxecto Derriba)

Descarga VBR Zip

Teaser de As Encrobas – A ceo aberto

Textos:

Bibliografía

 

 

Ecosofía na fenda aberta entre a tecno-utopía e a distopía entrópica

Cando: 10 de Maio de 2013

F. Guattari en “Las Tres Ecologías” formula a interrelación das tres esferas que participan na organización do oikos, nun exercicio por comprende-la ligazón radical entre arranxos, subxectividades e impactos na biosfera: a esfera mental, que ten que ver cos dispositivos de enunciación e o seu control; a social, que reflicte as formas de organización política; a ambiental, que nos coloca ante o grande desafío da crise ecolóxica, ambiental e de recursos. O cambio nas lóxicas de distribución da información convida a reflexionar sobre a posibilidade de intervención das multitudes nos procesos de significación que se negocian dende os dispositivos de enunciación. Analizarémo-la posibilidade dunha certa liberación esquizoanalítica que faga de panca entre utopías e distopías contemporáneas, e nos permita ver pola fenda que se abre entre ámbalas dúas vías de ampliación das marxes do posible. Como propicia-la alteridade?

Imparten: Beatriz Blanco e Daniel Fernández (Proxecto Derriba)

Máis aquí

Descarga VBR Zip

Bibliografía