Poréticas da Crise

O poder fala de crise… A crise converteuse na súa lexitimación e a súa reprodución no seu obxectivo. Con tal estratexia as institucións, os media e o establishment pretenden que reproduzamos aquilo que elxs insisten en producir, a saber, unha subxectividade acorde co poder e o capital, unha subxectividade que leva a débeda no seu interior. Mais existen distintas estratexias de dominación que o poder está a implementar a nivel político, económico, cultural e social na procura da eliminación do común, estratexias que en todo caso topan coa biosfera, co límite do capital.

Si, é unha crise: crise da confianza na representación, crise da democracia representativa, crise da creación de valor, crise da moeda, crise do concepto de autor. Por tanto, se existe unha crise é unha crise de lexitimidade.

Ela non afecta a distintos territorios ou bloques temáticos, senón a poros, que deixan filtrar por eles os fluxos do capital e do poder. Mais a crise non é senón unha consecuencia dos mecanismos que o poder e o capital aplican. Deixan filtrar estes poros espazos de resistencia a semellantes estratexias de reprodución do poder?

Quizais para intentar darlle unha desposta a este interrogante debamos facer unha porética da crise, que intente destapar as finalidades dos discursos do poder, que loitan por enmudecer as palabras que saen dos resquicios, das fallas e dos suburbios, xa guetos, que non deixan de se producir como o outro lado do capital.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


*