Category Archives: prácticas artísticas

Do museo ao colaboratorio

Cando: 10 de Abril do 2013

Este módulo formula a posibilidade de libera-los procesos de arranxo -agencement- da unidireccionalidade propia daquel “logocentrismo modernizado”, cara a múltiple proliferación de dispositivos de enunciación colectiva, de formas de contaminación molecular entre non-suxeitos -multitudes-. Un cuestionamento do estatus de poder que sostén o marco económico do mundo da arte, dirixido cara aos procesos polos que a cultura se pretende illar da representación e privilexio de clase, e contra a súa circulación polas cauces económicas na procura dunha revalorización perpetua como mercadoría. Abordarémo-la necesidade de entende-los procesos de contaminación discursiva como baseamento da pervivencia dos commons inmateriais -“o cultural” i.e. significación mutante do mundo-real-, como un proceso colaborativo aberto á participación das multitudes que esixe promover, en consecuencia, dinámicas inclusivas de negociación. Verémo-la importancia de forzar a participación das colectividades no artellamento significante, e como neste proceso de producción e agencement se crean novas subxectividades que poden resistir a colonización ideolóxica realizada no medium da comunicación estética.

Imparten: Álvaro Otero (Proxecto Derriba)

Descarga VBR Zip

Máis aquí

A Función-Autor-Propietario nun paradigma en descomposición

Cando: 19 de Abril do 2013

O autor non cae do ceo. En tanto que “función”, vai ligado ós fluxos de territorialización que atravesan a cultura -como forma consolidada dunha determinada ordeación do saber-, e como significante, suxeito a múltiples intentos de artellamento semántico que se poden descubrir nunha análise das súas formas de aparición. Imos sinalar aquí algúns momentos nos que se ten manifestado un certo tipo de autoría na historia da cultura recente, coa idea motriz de que o Autor-Propietario se constitúe na intersección dos fluxos que delinean a narración cultural occidental. Trataremos de analizar algúns acontecementos clave na súa construción conceptual rastrexados a través das formas xurídicas, sociolóxicas e políticas adoptadas para comprende-lo papel que desempeña nesa operación de transformación da “orde do saber” que ten lugar a partires do século XVII, co xiro epistémico que centraliza o control da enunciación ante a proliferación textual, e a incorporación da propiedade do sentido para conxura-la ficción e lexitimar certos discursos sobre o real.

Imparten: Óscar R. de Dios (Dazibao), Álvaro Otero e Daniel Fernández (Proxecto Derriba)

Descarga VBR Zip